Muíños
O Muíño do Brasileiro é o único exemplar de Taboexa que presenta un aliviadoiro cuberto por un arco apuntado
A tipoloxía de muíño máis difundida en Taboexa é a do muíño hidráulico de roda motriz horizontal ou rodicio. A característica principal deste enxeño radica no sistema mecánico de rotación, baseado nunha roda horizontal de ferro chamada rodicio ou reducio. O exterior do rodicio conta cun número variable de paletas ou penas contra as que bate a auga, dando lugar ao movemento rotatorio dun eixe que acciona a moa, o que permite converter o gran en fariña.
Hoxe en día Taboexa conta con 27 muíños situados nos regueiros do Caneiro, da Sargenta, de Leiradiño, de Sanrela, da Hedreira e da Rubial
Interior do Muíño do Armeiro, con lacena aberta nun dos muros
A maioría destes muíños son de herdeiros, isto é, de titularidade e uso compartido.
Exterior do muíño do Armeiro
1901. Documento de reparto de horas de moenda no Muíño da Presa de Auga
Taboexa en 1753
No censo do Catastro do Marqués de la Ensenada afírmase que a parroquia contaba con catorce “molinos arineros negros” de titularidade privada. Deles, catro eran propiedade de relixiosos. Segundo o tipo de cereal ao que estivese destinado o muíño, a pedra da moa variaba: os muíños de pedra negra (lat. niger, negro) ou do país eran os empregados na moenda do millo, trigo, centeo e cebada.
A relación de muíños existentes naquel tempo era esta:
• Muíño de Tras da Igrexa: propiedade do cura párroco Pedro Estévez. Moía con auga de presa tres meses ao ano, o que lle ofrecía unha renda duns 40 reais de vellón.
• Muíño da Altamira: propiedade do presbítero Martín Rodríguez. Moía con auga de presa dous meses ao ano, o que se traducía nuns ingresos de 30 reais.
• Muíño Vello: propiedade da viúva Lucía Álvarez. Moía con auga de presa dous meses e ingresaba uns 30 reais ao ano.
• Muíño Mouro: propiedade de Bartholomé González Fortes. Moía con auga de presa dous meses, e o seu beneficio era de 30 reais anuais.
• Muíño do Mouro: propiedade de Antonio Rodríguez. Moía con auga de presa un mes ao ano, polo que obtiña uns 15 reais.
• Muíño do Mouro: propiedade de Bartholomé Rodríguez Fortes. Moía con auga de presa un mes, e o seu beneficio era de15 reais.
• Muíño na Rubial: propiedade de Cathalina Álvarez. Moía con auga de presa un mes ao ano, polo que ingresaba uns 15 reais.
• Muíño no Buraco: propiedade de Estevan Ignacio “vecino de la villa de Rivadavia”. Moía con auga corrente durante catro meses, obtendo unha renda de 50 reais ao ano.
• Muíño no Cubo: propiedade de Andrés Álvarez do Outeiriño. Moía con auga corrente catro meses ao ano, polo que o seu beneficio era de 50 reais.
• Muíño na Aldea: propiedade de Domingo Álvarez. Moía con auga corrente tres meses, de aí que obtivese uns 40 reais anuais.
• Muíño na Aldea: propiedade do presbítero Joseph Álvarez Freiría. Moía con auga corrente tres meses, polo que o seu beneficio era de 40 reais.
• Muíño na Aldea: propiedade de Juan Alonso. Moía con auga corrente dous meses, polo que rendía uns 30 reais ao ano.
• Muíño na Aldea: propiedade de Pedro González. Moía con auga corrente dous meses ao ano, polo que o seu beneficio era de 30 reais.
• Muíño na Poza Grande: propiedade do presbítero Manuel Álvarez. Moía con auga corrente un mes ao ano, polo que obtiña uns 15 reais.