logob


Canastros


Os hórreos (lat. horreum) de Galicia son unha das construcións populares máis emblemáticas do noso país, reflexo da arquitectura e a vida rural. Estas construcións adxectivas, utilizadas para almacenar e secar gran de millo, forman parte da nosa paisaxe e da nosa identidade cultural. En Taboexa e na comarca do Condado reciben maioritariamente o nome de canastros porque, no pasado, tiñan as paredes da cámara feitas de vimbios ou varas trenzadas. Dentro da ampla diversidade de hórreos que se atopan en Galicia, os da comarca do Condado destacan pola súa tipoloxía mixta, combinando pedra e madeira, característica que reflicte a adaptación do deseño ás nosas condicións xeográficas e climáticas e á capacidade económica dos seus promotores. Unha parte menor dos canastros, os promovidos polas familias máis adiñeiradas, foron levantados integramente en granito.

Canastro de tres claros con reloxo de sol na Moreira

Símbolo da arquitectura popular

De orixe medieval, o canastro é un celeiro elevado sobre pés de granito que se utiliza para protexer as colleitas da humidade e dos roedores. Os hórreos galegos distínguense pola súa cámara en forma de planta rectangular construída, maiormente, en pedra e madeira. É frecuente, ademais, que os seus cumios aparezan decorados con cruces, pináculos e incluso reloxos de sol. En Galicia, a súa importancia cultural dos hórreos é tal que os construídos antes do ano 1901 foron declarados bens de interese cultural (BIC), o máximo grao de protección que contempla a lei. Ademais, segundo normativa legal, os hórreos, xunto cos cruceiros, as cruces de mortos, as de termo e os petos de ánimas forman parte do patrimonio etnolóxico de noso. A súa estrutura dos canastros aparece sempre elevada sobre columnas, pés ou piares de pedra, algo que responde á necesidade de illar a súa cámara do chan, evitando así a humidade e facilitando a circulación de aire para secar o cereal. Entre a cámara e os pés sitúanse os tornarratos, unhas pedras planas ou circulares pensadas para evitar o acceso dos roedores.

Partes dun canastro

Unha construción identitaria

Nos nosos días boa parte dos canastros xa non se usan para a almacenaxe de gran. A súa función actual responde ás necesidades prácticas do noso tempo, servindo para gardar ferramentas, apeiros, etc. As razóns estéticas e ornamentais tamén explican a boa saúde destes bens etnográficos, xa que os hórreos son valorados socialmente como unha herdanza cultural que engalana os eidos particulares das casas, algo do que os seus propietarios se senten orgullosos. Esta valoración ten que ver tamén coa conservación da memoria familiar, en particular cos bens materiais que, antano, levantaron os nosos devanceiros para gardar o pan.



Detalle do reloxo de sol dun canastro erguido na Carrasqueira

A nosa parroquia é rica en patrimonio arquitectónico rural, e nela os hórreos ocupan un lugar destacado. O uso da madeira e a pedra evidencia a dispoñibilidade local destes materiais e a existencia de artesáns cualificados para traballala. Os canastros son especialmente abundantes no concello das Neves e nas parroquias do Condado, onde a tradición construtiva se mantivo ao longo de séculos, fundamentalmente desde a segunda metade do s. XVIII ata principios do s.XX. Nas casas tradicionais as dimensións habituais destas construcións adxectivas son duns 3 metros de lonxitude por 1 m de anchura. A equidistancia entre os esteos e as cepas recibe o nome de claro ou pasavento, ofrecendo unhas dimensións variables, aínda que o habitual é unha separación entre 1,20 e 1,50 m.

Canastro da Casa dos Periquillos, na Coutada

Dúas tipoloxías

Hórreos de madeira
Estes canastros adoitan estar construídos integramente en madeira de carballo ou castiñeiro, un material moi apreciado pola súa durabilidade, resistencia á humidade e flexibilidade. A estrutura dos hórreos de madeira inclúe unha cámara ou piso elevado sobre unha soleira de granito que serve de apoio a unha serie de pés e tornarratos do mesmo material que soportan o corpo principal. Os alzados costais da cámara aparecen conformados por doelas, unha serie de táboas verticais que permiten a ventilación do interior. A cuberta, de tella plana ou curva do país, é sempre a dúas augas para facilitar a evacuación da choiva. Esta tipoloxía de canastros require un mantemento máis custoso e frecuente que os de tipoloxía mixta, de aí que o seu número vaia en retroceso.

Canastro de varas nun cadro de Carlos Sobrino Buhigas (Concello de Pontevedra)

Hórreos mixtos
Un dos aspectos máis característicos dos canastros de Taboexa é a súa tipoloxía mixta, que combina elementos de pedra na base e na estrutura da cámara coa madeira, presente nas portas, no piso e nos alzados costais. Este deseño mixto, moi frecuente na nosa comarca, representa unha solución práctica e estética que fusiona a solidez da pedra no esqueleto do hórreo coa lixeireza e flexibilidade da madeira no peche da cámara. Esta combinación de materiais fixo que esta tipoloxía de canastros sexa a maioritaria nos nosos días.