Cruceiro do Reguengo
A vara aparece coroada por un capitel de catro caras que amosa tres caras de anxos con ás no centro de cada unha, agás no lateral esquerdo. Volutas e follas de acanto complementan os motivos ornamentais. Cruz con vultos simulando os nós da madeira, presentando os extremos de brazos e testeiro cortados a bisel. Polo anverso vemos un Cristo exento de tres cravos baixo carteleira de INRI que amosa os brazos en ángulo, mentres que no reverso, sobre peaña, aparece a imaxe da Virxe María cuberta cun mantelo que recolle o vestido coa man esquerda. O reloxo de sol perdeu o gnomon que marcaba as horas. Cruceiros ou petos de ánimas con reloxo de sol incorporado para que os veciños saiban as horas das quendas da rega dos campos son bastante escasos en toda Galicia. Este é o único caso que coñecemos no concello das Neves. Posiblemente data da segunda metade do século XIX.