logob


Camiños históricos


Casas de postas e correo

Entre os séculos XV e XVIII, á beira dos camiños máis concorridos construíronse casas de postas comerciais, pousadas e vendas, un tipo de construción específica vinculada á prestación de servizos aos arrieiros e viaxeiros. Este tipo de edificios situábanse á beira dunha vía de comunicación principal (camiños reais, carreteiros e de posta maiormente, aínda que tamén existían algúns nos camiños secundarios de ferradura) e neles ofrecíanse diferentes servizos: depósito de correo, descanso de dilixencias, remuda de cabalerías e postillóns, aprovisionamento de comida e alimentos, aluguer de camas para pasar a noite, etc...

Casa dos do Santo, na Carrasqueira

Un exemplo de casa de postas ou correo é a que atopamos á beira da igrexa de Santa María de Taboexa, no antigo Camiño de Lira, que unía a vila das Neves con esta parroquia de Salvaterra, onde se celebraba unha importante feira de gando. Outro exemplo atopámolo nas proximidades da Capela da Concepción da Carrasqueira, por onde pasaba o camiño carreteiro que unía Ribadavia con Tui.

A Casa dos do Santo con xanela comercial no andar terreo

As casas de postas, pousadas e vendas situábanse nos puntos nodais do camiño, isto é, nas vilas que atravesaba, nas proximidades das principais pontes e interseccións de camiños ou a certa distancia as unhas das outras, facilitando así a remuda dos animais de tiro, o descanso dos viaxeiros e a entrega e recollida de envíos. As pousadas e vendas, vinculados coa loxística do transporte, servían tamén para a entrega de cartas e paquetes, evitando así ter que abrir o portalón principal da casa para recibilos ou entregalos.

Detalle da xanela comercial tapiada no lugar da Igrexa de Taboexa

Camiño carreteiro

O mapa do Bispado de Tui que Rosendo Amoedo debuxou en 1766, permite observar con detalle a traza deste camiño carreteiro de orixe medieval que permaneceu en activo durante o Antigo Réxime. As vilas medievais de Ribadavia e Tui estaban unidas por unha carreira ou camiño apto para carros que as comunicaba cos antigos Mosteiros de Melón e A Franqueira, pero tamén coa vila da Caniza, diferentes parroquias (As Achas, Corzáns, Entenza...), incluído o lugar da Carrasqueira, en Taboexa.



Arrieiros

O arrieiro era a persoa que transportaba ou arreaba mercancías duns lugares a outros en animais de carga. Segundo Corominas (1984) esta voz “parece ser derivado directo de arre”, unha interxección utilizada para estimular ás bestas e facer andar as cabalerías.

Carromato dos Troitiño de Cerdedo, tomada nos anos 20 en Pontevedra diante da Casa Comercial Severino Martínez. (Imaxe de arquivo de Luis Caxide)