Cruz da Capela de San Bartolomeu
Érguese a escasa distancia da capela e mirando cara a ela. A cruz está composta de dúas pezas: o pé e os brazos co testeiro, presentando sección rectangular, aínda que coas arestas rebaixadas todo ao longo. Trátase dunha cruz alta que alcanza os 3,50 m de altura. Na festa de San Bartolomeu, que se celebra o 24 de agosto, a procesión que parte da capela dálle a volta á cruz, definindo así o límite da chamada Romaría do Medo. Na crenza popular San Bartolomeu era o encargado de curar este sentimento de inquietude por intermediación do cura, que lles daba un golpiño na cabeza cunha pequena talla do santo aos afectados deste mal, case sempre nenos ou nenas.