Os bronces da Altamira
Boa parte das pezas que se conservan na actualidade son de procedencia accidental ou froito de escavacións furtivas. A escasa información da que dispoñemos fai que este xacemento se manteña como un gran descoñecido, dado que os resultados científicos das campañas de escavación nunca chegaron a ser publicadas. Ademais, os achados carecen na súa maioría dun contexto arqueolóxico e tívose que recorrer a unha cronoloxía baseada no uso de paralelos, o que permite datar os bronces na contorna dos séculos I e IV d. C. A aparición de restos de escouras e lingotes de metal en bruto apunta á probable existencia dun obradoiro de fundición no castro onde se producían estas pezas.
Man con antebrazo
Brazo dereito de escultura fundida en bronce. Está roto por riba do cóbado e presenta a man estendida co dedo polgar lixeiramente flexionado cara o interior. Conserva na parte interna restos da roupaxe dun manto. A peza, que, malia o seu tamaño, ten boas proporcións anatómicas e evidencia unha grande calidade técnica, está oca e debeu fundirse coa técnica da cera perdida.
Ala
Ala esquerda de pequenas dimensións e de fondo plano. Está en posición despregada coas plumas marcadas mediante incisións. Podería corresponder á figura dun Erote, isto é, dun deus do amor na mitoloxía grega e romana, un equivalente ao Cupido ou Amoretti. Estas deidades eran os compañeiros do deus Eros e dedicábanse ás tarefas complementarias do amor. Segundo uns mitos, eran os fillos de Afrodita; segundo outros, formaban parte do seu séquito.
Bóvido
Mostra o lombo ben tratado marcando as engurras do pescozo. Os ollos están realizados por incisión e vira a cabeza cara á dereita. Fáltalle un corno, parte das dúas patas ao lado esquerdo e conserva o arranque do rabo.
Este tipo de esculturiña zoomorfa ou exvoto foi interpretada como unha ofrenda ou agasallo aos deuses e como substitutos de animais para o sacrificio. O único tipo de animal representado neles son os bóvidos, vinculados nalgúns casos con cultos orientais como o boi Apis de Iria Flavia. As representacións son un reflexo da anatomía realista do animal.
Fragmentos de sítula
As sítulas son recipientes de metal ricamente decorados que presentan unha decoración extraordinaria e destacaban nos castros polo seu alto grao de sofisticación técnica. Probablemente tiñan un uso vinculado aos banquetes cerimoniais ou outras celebracións comunitarias de carácter excepcional. Polas súas dimensións crese que se trata de recipientes datables entre o s. II a.C e o II d.C. Neste castro foi atopada unha lámina e un soporte de asa de sítula, ambos fundidos en bronce. Todos os fragmentos de sítulas que se conservan coinciden no gusto pola decoración recargada distribuída en bandas horizontais e/ou verticais nas que se enmarcan os diferentes motivos.
Mercurio
Este deus mitolóxico era fillo de Xúpiter e de Maia Maiestas. Deus do mar, o seu nome está emparentado coa palabra latina merx, -cis (mercadoría). É o deus da astucia e da intelixencia, protector de viaxeiros e comerciantes. Na súa calidade de mensaxeiro, Mercurio é concibido como o inventor das linguas, do alfabeto e das pesas e medidas, imprescindibles para o comercio.
Na pequena escultura de bronce atopada en Taboexa, Mercurio vólvese lixeiramente cara á dereita, e represéntase coa cabeza tocada co petasus ou sombreiro alado -moi desgastado- baixo o que asoma o cabelo.
A figura mostra o rostro cos ollos incisos e de forma triangular, moi marcados, e leva unha clámide (unha capa curta) abrochada sobre o ombreiro esquerdo que cae en suaves pregues ata a altura dos xeonllos. Na man esquerda portaría o caduceo (unha vara con dúas cobras enroladas e dúas pequenas ás no extremo superior, que actualmente se emprega como símbolo do comercio e da medicina), e na dereita, a bolsa ou marsupio, ambos perdidos. A perna esquerda está fracturada á altura do xeonllo e a esquerda polo nocello.
Figuras togadas
Estas figuriñas togadas representan un xenio ou espírito protector na mitoloxía romana. Unha delas viste veo e toga, a outra unicamente toga, a prenda viril símbolo da cidadanía romana. Esta figura togada aparece representada coa súa cabeza cuberta parcialmente por esta vestimenta ou “capite velato”, unha actitude propia de cando o emperador ou outro personaxe insigne oficiaba unha cerimonia relixiosa.
Fíbulas
No castro da Altamira foi documentada unha fíbula dos séculos VII-V a.C tipo Acebuchal e de pé recto. Este tipo de tipo de fíbulas, de ponte curva e pé recto, son típicas da Idade do Ferro, en concreto da transición entre o s. VIII-s. IV a.C, e tamén aparecen por toda a Europa tépeda durante o s. V a.C, o que evidenciaría a democratización do seu uso. Os especialistas cren que este tipo de fíbulas, procedentes da área tartéssica, situada na marxe mediterránea da Península Ibérica, chegou ao noroeste de Galicia a través do comercio fenicio ou púnico para substituír ás fíbulas de duplo resorte.
Lucerna
A lucerna atopada na Altamira é un candil romano que imita a forma dunha cabeza humana con trazos negroides. Trátase dunha peza de reducido tamaño fabricada mediante o uso da fundición en bronce e que presenta unha pátina marrón verdosa. Este exemplar posúe dúas calidades que a fan destacar: a fabricación en metal e a súa temática decorativa. Tanto o propio material, o bronce, como a técnica desenvolvida na súa fabricación supoñen un superior custo respecto daquelas fabricadas en cerámica, moito máis abundantes.
Árula
As árulas son pequenas aras, bases ou pedestais que serven de apoio a pequenas esculturas zoomorfas ou exvotos que se interpretan como ofrendas ou galanos ofrecidos aos deuses como substitutos de animais para o sacrificio. A árula do Coto da Altamira é de forma cuadrangular, oca no interior e rematada por unha cornixa lisa. Na parte superior represéntanse un cordeiro de pé unido polas patas, unha tartaruga co caparazón realizado por retícula, con cabeza e patas marcadas. Ao seu lado un sinal doutra figura dubidosa, rota pola súa base, que podería tratarse dun escorpión.
Pé de bronce
Pé calzado, roto un pouco por riba do nocello. As correas de suxeición do calzado anoábanse á altura da articulación da perna co pé por medio dunha lazada caída nos extremos. É moi visible o coiro que cubre o pé, modelando as dedas e o talón. Tamén se advirte a sola, polo que poderíamos estar diante dun calceus senatorius, isto é, dunha bota romana atada con dous pares de cintas ou correas que se entrecruzan á altura da empeña do pé e ascenden ata a metade da perna, onde se atan por medio de dous nós. Este tipo de calzado era privativo dunha clase social determinada, polo que non estaba ao alcance de todos os habitantes de Roma.