logob


Santa María de Taboexa


A igrexa parroquial de Santa María de Taboexa é un templo parroquial dunha única nave con ábsida rectangular, unha sancristía lateral, e cuberta a dúas augas agás no presbiterio que é a catro. O templo é unha excelente mostra do estilo gótico e renacentista, aínda que a súa orixe é románica. Foi reedificado cara a 1544 sobre a primitiva fábrica medieval anterior, da que procede a porta que dá acceso á sancristía e unha torre que debeu ter un carácter defensivo, como evidencia a súa robusta estrutura. Aparece cuberta cunha infrecuente cúpula piramidal.
As esculturas de San Bieito e San Mamede, xunto co Cristo crucificado do altar lateral esquerdo, son algunhas das pezas de imaxinaria máis prezadas. O adro do conxunto parroquial atópase pechado por un pequeno muro que serve de peaña a un viacrucis. Na actualidade a parroquia de Taboexa está adscrita ao arciprestado Tea-O Condado, pero no pasado pertenceu ao de Salvaterra.

A súa portada principal luce un arco de medio punto que se cobre cun pequeno tornachoivas. Nesta fachada, eminentemente renacentista, destacan dous medallóns que inclúen a representación de dous bustos labrados en altorrelevo que se corresponden cos fundadores do Morgado de Barbeita (Monção), Álvaro Afonso Pereira e a súa muller, Grimaneza Pereira de Castro.


A Casa de Barbeita

O beneficio de Taboexa, xunto cos seus anexos, San Xoán de Rubiós e a extinguida parroquia de San Pedro da Mámoa, foron parroquias de padroeiro e presentación da Casa de Barbeita, unha familia nobre asentada na freguesía do mesmo nome, no municipio de Monção (Portugal). O 29 de decembro de 1677 fíxose unha permuta entre don Gonzalo Afonso Pereira de Sotomayor, señor da casa de Barbeita, e don Fernando Yáñez Álvarez de Sotomayor, dono da casa de Soutomaior, no que o primeiro dáballe o padroeiro e presentación de Taboexa cos seus anexos, e o segundo, a cambio, o curato de Santiago de Pías, San Mamede de Troviscoso e San Martín de Sordelo, en Portugal.

No ano 1758 a Casa de Barbeita seguía en pé, segundo as Memórias Paroquiais: “Há nesta freguezia (de Barbeita) huma caza ilustre chamada o Paço de Barbeita, morgadio. E o morgado delle hé alcaide mor de Caminha chamado Gonçalo Afonso Pereira de Mello Sotomaior fidalgo e della tem havido fidalgos filhados da Caza de Sua Magestade que Deos goarde”.


Arcediago de Taboexa

O arcediago, un oficio xa desaparecido, existiu en Galicia desde o s. VI d.C, e tiña por obxecto auxiliar ao bispo no goberno da diocese. O arcediagado de Taboexa foi un dos cinco creados da diocese de Tui a mediados do século XVIII e mantívose ata o Concordato de 1851, aínda que se mantería despois desa data como dignidade honorífica.

Camiño Medieval

A igrexa de Taboexa localízase á beira do antigo camiño que unía As Neves con Lira e Ponteareas. Este camiño enlazaba cun antigo camiño medieval que unía Tui con Ribadavia.

Detalle do mapa do Reino de Galicia de Tomás López do ano 1774


Adán e Eva

Segundo se recolle na tradición oral do lugar, Don Evaristo Senra Martínez, crego que tomou posesión da parroquia de Santa María de Taboexa e os seus anexos o primeiro de maio de 1882, aproveitando unhas obras que fixo nunha canalización desde o muíño da abadía ata o camiño, ordenou facer unha barbaridade. As antigas escaleiras de acceso estaban preto da porta de entrada da igrexa, rematadas nas esquinas con columnas, sostiñan as esculturas núas de Adán e Eva. Por estar espidas, decidiu enterralas na canalización.



Bóvedas pétreas sobre catro apoios

No interior destaca a súa bóveda nervada gótica de cruzaría. Está formada por nervaduras diagonais que se cruzan, ben no centro ou clave, como acontece na nave, ou ben nunha nervadura circular central, como sucede na ábsida. Ao parecer na clave do centro existía unha inscrición, hoxe desaparecida, coa data de 1546.

Cruzaría da nave con terzos duplos, con nervaduras de ligadura en ambas direccións e interior a claves de terzos (Capela Aberta de São Tiago de Barbeita, en Monção, construída en 1569, por Álvaro Afonso e pola súa muller, Grimanesa Pereira, fundadores do morgado de Barbeita)

Cruzaría da ábsida con terzos simples en dúas direccións e trazaría en forma circunferencia (Esta mesma tipoloxía aparece no canón da Escaleira de Honra do Mosteiro de San Estevo de Ribas do Sil, Ourense)

Nas esquinas exteriores da ábsida podemos ver catro escudos que representan ás antigas familias nobres con representación nesta igrexa.

Familia dos Castro
Brasón con seis roeis postos en dous paus

Familia de Lobato
Brasón con tres castelos rodeados de seis lobos

Familia Pereira
Unha cruz flordelisada

Familia dos Bacelares
Brasón cunha videira da que penduran catro acios de uvas